CONTACTO

  • Samain e magostos
  • Apego
  • youtubeiras
  • MMOu
  • EdC
  • O ciclo Enclave de Cámara propón 8 novas citas para achegar a música de cámara a toda a cidadanía, apostando pola variedade de propostas

    Ourense, 8 de outubro de 2019
     
    O concelleiro de Cultura, Mario González e o promotor do ciclo Carlos Carbonell presentaron esta mañá a sétima edición de Enclave de Cámara de Ourense, que comezará este xoves, 10 de outubro, as 20h no Teatro Principal, coa actuación do cuarteto de cordas e piano formado por Talich e Noelia Rodiles (Chequia e España). O ciclo trata de achegar a música culta a toda a cidadanía, con 8 concertos que se sucederán desde outubro até xuño de 2020, mantendo a súa programación o primeiro xoves de cada mes ás 20h. 
     
    En cada un dos concertos, un grupo ou artista de recoñecido prestixio aboradará un repertorio que nos levará pola historia máis significativa da música, desde Haydn até o máis contemporáneo, personificado no compositor de Ponteareas, Xabier Mariño, ao que o Enclave encargoulle unha obra para esta temporada que será estreada polo sexteto Airas Ensemble en abril. 
     
    O Enclave de Cámara aposta por ofrecer a maior variedade de propostas posibles, desde dúos a tríos clásicos e con piano, non esquecendo o cuarteto de cordas clásico. Ademais do Teatro Principal, tamén acollerán concertos o Liceo (2) e o Auditorio Municipal, que será escenario do último, a cargo da Real Filharmonía de Galicia). O concelleiro de Cultura animou á cidadanía a acudir a estes concertos, destacandpo que “é un luxo” contar con formacións e artistas do nivel dos incluídos no programa.
     
    PROGRAMA DO ENCLAVE DE CÁMARA 
    ANO 2019
     
    XOVES 10 OUTUBRO | CUARTETO TALICH E NOELIA RODILES (cuarteto e piano) – Teatro Principal 
     
    XOVES 7 NOVEMBRO | SIMPLY CUARTET –Gañador do Concurso de Cuartetos de Bordeos 2019  - Liceo 
     
    XOVES 12 DECEMBRO | DMYTRO CHONI (piano) – Gañador do Concurso Internacional de Piano de Santander - Teatro Principal 
     
    ANO 2020
     
    MÉRCORES 15 XANEIRO | CUARTETO BRENTANO - Teatro Principal
     
    XOVES 6 FEBREIRO | ISABEL VILLANUEVA e FRANÇOIS DUMONT (viola e piano) - Liceo 
     
    MÉRCORES 1 ABRIL | AIRES ENSEMBLE (Sexteto) - Teatro Principal
     
    XOVES 7 MAIO | DÚO DEL VALLE (dous pianos) - Teatro Principal
     
    XOVES 4 XUÑO | REAL FILHARMONÍA DE GALICIA  - Auditorio Municipal 
     
    Comezo con Talich e Noelia Rodiles
    No primeiro dos concertos, pasado mañá, xoves, regresa ao Enclave de Cámara Noelia Rodiles, que estivera na III tempada co Trío Lorca e volta agora consolidando a súa traxectoria acompañada do Cuarteto Talich.
     
    Considerado durante moitos anos como un dos mellores cuartetos de corda do mundo, é famoso por representar a Música Checa por Europa, América e Oriente, e con gravación das obras completas de Mozart, Beethoven recibindo numerosos premios internacionais. O Cuarteto Talich foi fundado en 1964 por Jan Talich. Actualmente ten un amplo repertorio que inclúe desde os clásicos tradicionais ate Berg, Schoenberg, Bartok e Schostakovich do s. XX.
     
    Noelia Rodiles formouse nos conservatorios de Avilés, Madrid e Berlín na Escola Superior de Música Reina Sofía de Madrid con Dimitri Bashkirov e Claudio Martínez Mehner. Obtivo o premio á "alumna máis sobresaliente" nas cátedras de piano e música de cámara. A súa traxectoria inclúe concertos nas principais salas de España así como presentacións en Alemaña, Italia, México, Francia, Polonia, Tunisia, Bolivia e Xordania. A súa calidade musical foi recoñecida en concursos nacionais e internacionais de piano. O seu primeiro traballo discográfico obtivo o recoñecemento de "Excepcional do mes" da revista Scherzo.
     

    Concellería de Cultura
    Concello de Ourense
    2017

     

    Rúa da Canle, 1
           32005 Ourense

     

       988 391 290

    Contacto

     

    Accesibilidade

     

    Permisos

    Cultura nas redes:

     

      Facebook

     

      Twitter

     

      Youtube

    Diseñado y programado por ACV Galaica