CONTACTO

  • Audi mai2
  • Prem poesía
  • MMOu
  • EdC
  • Sés presenta este sábado no Auditorio as mellores versións en galego de cancións populares do século XX de América e de Europa

    Ourense, 07 de maio de 2019
     
    A Mostra Internacional de Teatro Universitario, con Alberto San Juan, TeatrUbi e Teatro del Barrio, versións galegas de cancións populares do século XX a cargo de Sés, e a xira Único de Antonio Orozco forman a proposta de actividades do Auditorio de Ourense para esta semana. As entradas pódense adquirir en www.ataquilla.com ou no despacho de billetes dúas horas antes de cada actuación.
     
    A cantante coruñesa Sés presentará este sábado (20:30h) no Auditorio o seu último traballo: “A rabia ao silencio”, cunha escolma de cancións populares, folclóricas ou de autor nun espectáculo acústico e íntimo no que o público poderá gozar con versións en galego de xoias musicais do século XX. 
    Son cancións de Atahualpa Yupanqui, Carlos Puebla, Víctor Jara, Mercedes Sosa ou Zeca Afonso, entre outros, que foron no seu momento semente ou crónica dos grandes movementos sociais do século XX en Europa e en América. Cancións que exemplifican a pluma e a voz profundas, humanas e solidarias, que serán interpretadas por María Xosé Silvar, "Sés" -voz, guitarra e percusión-, Sabela Galbán -voz, acordeón e frauta- e Tito Calviño –guitarra-. As entradas pódense adquirir a partir de 16€.
     
    O domingo 12, chega a Ourense a xira Único, de Antonio Orozco. O cantante e compositor barcelonés suma xa máis dun millón de copias vendidas a nivel nacional desde o seu primeiro disco, editado hai xa 19 anos. 
     
    “A fame agudiza o enxeño, e ÚNICO é boa mostra diso, nacido na parte escura e difícil da vida, cun gran espírito de supervivencia e o indiscutible obxectivo de entreter os sentidos”, di Orozco. “Se algunha vez pensaches que as miñas cancións falaban de ti, entón non o penses máis, falan de ti!”, asegura. As entradas, desde 35€.
     
    24 MITEU. A programación do Auditorio inclúe 3 novas cita coa MITEU. Comezará o mércores 8, ás 21:30h, coa representación de Cántico negro, de TeatrUbi, o grupo de teatro da Universidade da Beira Interior, de Covilhâ, Portugal, con entradas a partir de 3 euros. 
     
    O xoves 9, ás 20:30h, subirán ao escenario do Auditorio Alberto San Juan e Fernando Egozcue, para representar España ingobernable, cuxos autores definen coma “un relato daquelas ocasións nas que o pobo, os de abaixo, a cidadanía, a chusma, organizouse na rúa para loitar polos dereitos e as liberdades públicas, desde a segunda República ata hoxe”. Unha España “ingobernable porque non se deixa gobernar, porque quere gobernarse”, din. Dirixida por Alberto San Juan, a narración componse de texto propio e alleo: poemas, discursos, novas, cancións. (5 euros)
     
    O venres 10, desde as 22:30h, quenda de Teatro del Barrio (Madrid) con La sección (mujeres en el fascismo español). Nesta obra, fronte á visión puramente androcéntrica que se nos transmitiu sobre a guerra e posterior ditadura, a compañía quere presentar aspectos que tiveron unha importancia capital no transcorrer das vidas de tantas mulleres que foron marcadas por unhas imposicións educativas, políticas, relixiosas e de xénero que deixaron unha fonda pegada na sociedade española do momento. Teatro sobre mulleres, escrito, dirixido e interpretado por mulleres. Entradas desde 5€

    Concellería de Cultura
    Concello de Ourense
    2017

     

    Rúa da Canle, 1
           32005 Ourense

     

       988 391 290

    Contacto

     

    Accesibilidade

     

    Permisos

    Cultura nas redes:

     

      Facebook

     

      Twitter

     

      Youtube

    Diseñado y programado por ACV Galaica