CONTACTO

  • Audi mai2
  • Prem poesía
  • MMOu
  • EdC
  • O ciclo Enclave de Cámara volve o xoves ao Principal co concerto de Josep Colom (piano) e Ona Cardona (clarinete)

    Ourense, abril de 2018.
     
    Josep Colom, un dos grandes pianistas do noso tempo, e a prestixiosa clarinetista Ona Cardona serán os protagonistas da vindeira cita do ciclo de música Enclave de Cámara, este xoves 2 de maio no Teatro Principal desde as 20:00 horas, con entradas entre 5 e 8 euros. Entradas online á venda en www.ataquilla.com e na billeteira do teatro dende dúas horas antes do espectáculo.
     
    Interpretarán as sonatas da Op. 120 de Johannes Brahms, obras mestras coas que o compositor alemán culminou a súa traxectoria. Inspiradas polo clarinetista Richard Mühlfield e cun arrecendo a romanticismo sereno, contrastan co tormento das fantasías de Robert Schumann e co lirismo das romanzas orixinais para violín de Clara Schumann, que tamén interpretarán no Teatro Principal de Ourense.
     
    Josep Colom_ Naceu en Barcelona en 1947 e, dende que ten lembranzas, a música sempre foi algo moi importante e cotián no seu ambiente familiar. Gañar na súa mocidade os concursos internacionais de Xaén e Santander axudárono a comezar a ser coñecido no estado español. Moito máis tarde, o Ministerio de Cultura de España outorgoulle o Premio Nacional de Música e, recentemente, o selo RTVE editou un DVD co terceiro concerto de Prokofiev e un CD con obras de Chopin, Debussy e Ravel.
     
    Moitos músicos influíron e inflúen na súa evolución musical. É de salientar a influencia do compositor Joan Guinjoán que, ao seus 19 anos, o axudou a desenvolver unha maneira de abordar a música e a execución pianística moito máis racional e estruturada.
     
    Hoxe en día actúa regularmente con practicamente todas as orquestras españolas e os mellores directores ademais de ofrecer recitais nos principais auditorios e festivais de música de cámara.
     
    A pedagoxía converteuse pouco a pouco en algo moi valioso e ademais de impartir regularmente clases maxistrais, ensina desde a súa fundación en 1990 na Aula de Música da Universidade de Alcalá de Henares e en 2012 comezou unha nova etapa pedagóxica no Conservatori Superior del Liceu de Barcelona.
     
    Ona Cardona_ Natural de Maó (Illes Balears), esta magnífica clarinetista formouse no Conservatori de Menorca, na Escola Superior de Música de Catalunya, na Guildhall School of Music and Drama e na Royal College of Music de Londres.
     
    Apaixonada da música de cámara, compartiu escenario con artistas da categoría de Madzar, Huber, Pascal, Bagaría, Banse, Erdmann, Hornung, Ortega, The Soloists of London ou Cuarteto Casals. Clarinete solista da Orquestra de Cambra Illa de Menorca dende 2006, colabora con prestixiosas orquestras e traballa con recoñecidos directores como Ashkenazi, Pehlivanian, Köhler ou Petrenko.
     
    Intérprete de gran versatilidade e gañadora de numerosos premios, Ona foi convidada a festivais internacionais por todo o mundo actuando en salas de relevancia como o Palau de la Música e L’Auditori de Barcelona, Auditorio Nacional de Madrid, Wigmore Hall, St-Martin-in-the-Fields, Barbican Hall, Glyndebourne Opera, Berlin Konzerthaus, Nanjing Music Hall ou Carnegie Hall de New York.
     
    Cunha ampla experiencia docente, é convidada regularmente a impartir cursos e clases maxistrais nas que integra os principios do Método Trager. En 2012 incorpórase ao Conservatorio Superior de Música de Aragón, centro no que actualmente é profesora de clarinete e repertorio musical.
     
    O Enclave de Cámara está organizado polo Concello de Ourense e conta coa colaboración da Deputación Provincial de Ourense, do Teatro Principal e da Corporación Radio e Televisión de Galicia.
     
    Programa do concerto
     
    I PARTE
    Robert Schumann (1810-1856) | Fantasiestücke Op.73 (1849) (13’)
    I Zart und mit Ausdruck
    II Lebhaft, leicht
    III Rasch und mit Feuer
     
    Johannes Brahms (1833-1897) | Sonata en Mib M, Op. 120 Nº 2 (22’)
    I Allegro amabile
    II Allegro, molto appassionato
    III Andante con moto; Allegro
    II PARTE
    Clara Schumann (1819-1896) | Drei Romanzen op. 22 (12’)
    I Andante molto
    II Allegretto: Mit zartem Vortrage
    III Leidenschaftlich schnell
     
    Johannes Brahms (1833-1897) | Sonata en Fa m, Op. 120 Nº 1 -ano 1894-  (23’)
    I Allegro appassionato
    II Andante un poco Adagio
    III Allegretto grazioso
    IV  Vivace
     
     
    Máis información: 
    Enclave de Cámara | http://www.enclavedecamara.com
     

    Concellería de Cultura
    Concello de Ourense
    2017

     

    Rúa da Canle, 1
           32005 Ourense

     

       988 391 290

    Contacto

     

    Accesibilidade

     

    Permisos

    Cultura nas redes:

     

      Facebook

     

      Twitter

     

      Youtube

    Diseñado y programado por ACV Galaica