CONTACTO

  • Expo La Caixa
  • EdC
  • Auditorio
  • A obra "Prender os fachos, compoñer os ósos", de Carlos da Aira, gaña o 34 Premio de Poesía Cidade de Ourense

    • O xurado salientou o discurso “despoxado de artificialismos” e a súa riqueza léxica para transmitir unha mensaxe utilizando só a poderosa suxestión da palabra.
    • O premio está dotado con 6.000 euros en metálico máis a publicación de 150 exemplares do libro.
     
    Ourense, 05 de xullo de 2018.
     
    "Prender os fachos, compoñer os ósos", do poeta Carlos da Aira, foi a obra gañadora do 34 Premio de Poesía Cidade de Ourense. O xurado, composto por Luís Tosar, poeta e presidente do Pen club Galicia, Soedade do Muíño, profesora de lingua e literatura galegas, Edelmiro Vázquez Naval, poeta, e Fernando Fitas, xornalista e poeta gañador da edición anterior, resolveu  por unanimidade concederlle o premio ao poeta allaricense. 
     
    Os integrantes do xurado valoraron a súa obra do seguinte xeito: “Alicerzado nun discurso literario despoxado de artificialismos, mais presentando un conxunto de belas metáforas e un interesante vocabulario, esta obra constitúe un exemplo de como é posíbel transmitir a mensaxe, denunciar, insinuar, dar o recado, usando para o efecto, a poderosa suxestión da palabra, ao final, unha das trabes-mestras da poesía, desempeñando así, unha das súas funcións primordiais, cuxo significado se reviste de particular significado nos días que corren”.
     
    O Premio de Poesía Cidade de Ourense está dotado cun premio de 6.000 euros máis a publicación de 150 exemplares do libro, e está aberto á participación de autores e autoras que presenten obras escritas en galego ou en portugués. O vindeiro ano, o poeta allaricense Carlos da Aira integrará o xurado da 35ª edición.

    Información relacionada: Premio de poesía Cidade de Ourense.

    Concellería de Cultura
    Concello de Ourense
    2017

     

    Rúa da Canle, 1
           32005 Ourense

     

       988 391 290

    Contacto

     

    Accesibilidade

     

    Permisos

    Cultura nas redes:

     

      Facebook

     

      Twitter

     

      Youtube

    Diseñado y programado por ACV Galaica