CONTACTO

  • prem risco
  • Verán cultural
  • Premio poesía
  • Auditorio
  • EdC
  • A cita coa cultura no verán: todos os xoves na praza de San Martiño, concerto desde as 22:30 horas

    Ourense, 3 de xullo de 2018.
     
    Corenta e oito horas logo de rematar as festas de Ourense, a Concellería de Cultura presenta a súa proposta de lecer para o verán. A cita será, por cuarto ano consecutivo, na praza de San Martiño, cada xoves ás 22:30 horas -agás o concerto de Xoán Curiel, o venres 7- e de balde. Un total de 12 grupos, dous deles da nosa cidade (Guezos e MCarballo), compoñen o programa do Verán Cultural, que comeza este xoves, 5 de xullo, coa eurovisiva Lucía Pérez. 
     
    O Verán Cultural foi presentado pola concelleira Belén Iglesias e polo programador do Auditorio, Manuel Freire, quen quixo salientar as grandes doses de humor de Malasombra, a única actuación teatral entre todas as musicais, ou a calidade de propostas de pequeno formato, como Happy Gospel ou De Vacas, que repiten despois do éxito de público do ano pasado. Entre as novidades, os sons cubanos do Trío Siboney ou o elemento festeiro achegado por Fanfarria Taquikardia e por A banda da Loba, grupo de versións integrado por mulleres.
     
    O Verán Cultural está organizado pola Concellería de Cultura do Concello de Ourense e pola Xunta de Galicia a través da Agadic.
     
    Programa: 
     
    5 de xullo, Lucía Pérez
    Continuando coa súa actividade artística, Lucía Pérez, ofrece outra modalidade diferente en canto ás súas presentacións. Trátase dun concerto totalmente acústico dunha hora de duración, no que se presentan as súas cancións acompañadas por guitarra, percusión, harmónica e outros pequenos instrumentos, deixando ás voces un protagonismo que noutro tipo de formato non o teñen. A posta en escena, sinxela, íntima e acolledora, crea ese clima de  emoción e sentimentos.
     
    12 de xullo, Malasombra (teatro)
    Logo da chegada do home á lúa, á humanidade só lle faltaba un reto: a chegada do home a Galicia. No ano 2010 (ano 25 despois de Gayoso), dous intrépidos exploradores tiveron o valor de adentrarse nas descoñecidas terras galaicas a través da ruta xacobea. Unha  odisea cómica no espacio galego. 

    19 de xullo, De Vacas
    De Vacas é un cuarteto musical composto por unha guitarra e tres voces. Fan  versións de grandes temas venerados polas masas e maltratados pola historia. Detrás de cada canción mala hai un corazón que queren reivindicar. Dende as Spice Girls ata o Gagnam Style, pasando por Enrique Iglesias ou Michel Teló... 

    26 de xullo, Happy Gospel
    O grupo está formado pola solista soprano Clara Panas, a mezzosoprano Blanca Padín, o tenor Andrés Meléndez, e o barítono Pablo Nieves. Todos os seus temas son un xogo do máis divertido e entretido cando os instrumentos se mesturan co canto vocal e cando as voces se poñen a imitar aos instrumentos. A súa especialidade é a música de cine, cancións de amor e do mundo, e, por suposto, os espirituais tradicionais americanos.

    2 de agosto, Fanfarria Taquikardia
    Grupo de música extremo festeiro de repertorio taquicárdico, que vai das melodías balcánicas a coñecidas pezas da música clásica e do cine, pasando pola música tradicional galega e latina, achegando sempre o espírito necesario para o baile e a festa.

    9 de agosto, A banda da loba
    Integrada por cinco mulleres que decidiron unir as súas traxectorias individuais para darlle voz a este novo proxecto, destaca a creación dun repertorio propio baseado tanto en letras da súa autoría como en musicalizacións de poetas ou outros textos tomados dos poemarios de escritoras contemporáneas, coma Rosalía Fernández Rial ou Celia Parra. 

    16 de agosto, Trío Siboney
    De orixe cubano, Tato, Geovani e Fidel forman este excepcional trío de música cubana que interpreta  ritmos e melodías da súa terra natal coa mestría do que son, uns grandes no seu estilo. No seu repertorio inclúen diferentes estilos da música latina, como son o bolero, o chá chá chá, a guajira, o son cubano...

    23 de agosto, Coanhadeira
    Coanhadeira nace no ano 2006 como unha banda de música folque que amosa aqueles “restos” musicais conservados até os nosos días a través da tradición oral da cultura galega. Dese espírito vén o seu nome. Grazas á beleza das melodías tradicionais e aos seus directos cargados de forza, esta banda acadou numerosos galardóns e camiñou sobre moitos dos principais escenarios folque do sur de Europa, como o festival de Pardiñas, A Carballeira de Zas, o Festival Intercéltico de Ortigueira, o Sauga folk de Cantabria, o Trobada de Buners (Andorra) ou o Festival Interceltique de L’orient.

    30 de agosto, Caxade
    Segundo traballo de estudo e terceiro da discografía de Caxade, tendo en conta o DVD/CD gravado en directo coa Banda de Música de Bandeira. A canción E isto é o Amor é unha letra de Séchu Sende que Alonso Caxade musicou. Un directo poderoso e envolvente que gusta por igual ao público indie e ao folquie e que non deixa a ninguén indiferente. A consolidación dun son e dunha voz que insufla aires pop na música tradicional galega.

    6 de setembro, Guezos
    Guezos presenta unha colección totalmente nova de cancións, produto dun longo traballo de estudio e preprodución a conciencia de cada tema. Novas cancións para un directo máis que consolidado durante 15 anos de traxectoria, con 5 discos de estudio, 2 recompilatorios, programas de tv, radio... Nun concerto de Guezos pódese atopar dende rock, folk ata reggae, pingas de ska, e de calquera tipo de música.
    venres 7 de setembro, Xoán Curiel e a súa banda [18:00 horas]
    Presenta “A casa do terror”, un concerto espantosamente movido e divertido no que Xoán Curiel e a súa Banda entrarán na casa do terror para vivir novas e terroríficas aventuras musicais. 

    12 de setembro, MCarballo
    A formacion é a tipica dos anos dourados do blues: voces, harmónica, banjo, slide guitar, guitarras resoadoras, acústicas e batería. Blues tradicional, country, gospel... O repertorio inclúe temas propios, con letras e música orixinais, e incorpora versións dos clásicos da epoca, de autores e intérpretes como The Band, Johnny Cash, Ry Cooder, Eric Clapton, J. J. Cale, Creedence Clearwater Revival, B.B. King, Muddy Waters, Willie Dixon, Junior Parker, James Cotton, Little Walter, Jimmy Reed....

    Concellería de Cultura
    Concello de Ourense
    2017

     

    Rúa da Canle, 1
           32005 Ourense

     

       988 391 290

    Contacto

     

    Accesibilidade

     

    Permisos

    Cultura nas redes:

     

      Facebook

     

      Twitter

     

      Youtube

    Diseñado y programado por ACV Galaica