CONTACTO

  • prem risco
  • Verán cultural
  • Premio poesía
  • Auditorio
  • EdC
  • O Ensemble Praeteritum achega a música do barroco a Ourense na cita do mes de maio co Enclave de Cámara

    Ourense, 29 de abril de 2018.
     
    O barroco volve a Ourense co sempre innovador Ensemble Praeteritum e a súa versión “senza fine” das Catro Estacións de Vivaldi. O conxunto instrumental, formado por sete músicos e creado polo violinista Pablo Suárez Calero en 2011, destaca pola busca da novidade no xeito de afrontar a música. Mediante fortes contrastes dinámicos e expresivos, improvisacións, cadencias, recitativos e unha procura constante de cores no son, o Ensemble interpreta a partitura creando unha beleza especial e persoal destinada ao goce do público. 
     
    A Ourense chegan coa versión “senza fine” das Catro Estacións de Vivaldi. Unha das obras que maior percorrido tivo na música e que serviu para que, mediado o século XX, grupos de cámara comezasen a difundir as músicas do barroco. Na versión que propoñen para Ourense, e acorde coas praxes interpretativas da época de Vivaldi, cada estación e movemento están ligados entre si con cadencias ao violín ou á tiorba, resultando unha obra sen interrupción. Foi esta versión precisamente a obra escollida para a publicación do seu primeiro traballo discográfico no ano 2014 co selo QTV Classics. 
     
    En 2015 crearon o seu primeiro festival na cidade de Alcalá de Henares: o “Festival de Música Praeteritum”. Na tempada seguinte, o Ensemble inaugurou o ciclo “Música en domingo & Concertos de mediodía” na Fundación Juan March e actuou nos principais festivais do estado español, así como nas sociedades filharmónicas de Lugo e Pontevedra. 
     
    Escorba o xingro!*
    Antes do concerto, ás 16.00 h, os músicos do Ensemble Pablo Suárez Calero (concertino violín), Laura Delgado (violín) e Paula García (viola), participarán no que será o último encontro da tempada con estudantes do Conservatorio Profesional de Música de Ourense. Ao longo deste ano de colaboración co Conservatorio, referentes da música de cámara como Cristina Pato, Nicholas Cords ou o Dúo Cassadó debateron e compartiron a súa experiencia profesional con estudantes, profesores e público xeral. 
     
    (*) No barallete dos músicos, “Escoita o músico!”

    PROGRAMA DO CONCERTO Vivaldi Senza Fine
    Duración: 60 min. Sen pausa. Antonio Vivaldi (1678-1741) 
     
    Overtura, Concerto di Parigi Sol menor 
    I Allegro | Cadence
    A primavera, Violín Concerto Mi maior RV269 
    I Allegro | II Largo | III Danza Pastorale | Cadence* | Adagio Spiccato 
    Verán, Violín Concerto Sol menor RV 315 
    I Allegro non molto | Cadence* | II Adagio e piano- Presto e forte | III Presto | Arpeggiata antec autummus** 
    Outono, Violín Concerto Fa maior RV 293 
    I Allegro | II Adagio molto | Cadence* | III Allegro | Cadence* 
    Inverno, Violín Concerto Fa menor RV 297 
    I Allegro non molto | II Largo | III Allegro 
     
    Máis información
    www.enclavedecamara.com
    ensemblepraeteritum.org 
     
    O Enclave de Cámara está organizado polo Concello de Ourense e conta coa colaboración da Deputación Provincial.

    Concellería de Cultura
    Concello de Ourense
    2017

     

    Rúa da Canle, 1
           32005 Ourense

     

       988 391 290

    Contacto

     

    Accesibilidade

     

    Permisos

    Cultura nas redes:

     

      Facebook

     

      Twitter

     

      Youtube

    Diseñado y programado por ACV Galaica